A librería Follas Novas, que este ano conmemora o seu cincuentenario, acollerá na xornada previa do festival a presentación dos últimos dous libros de Marc Caellas: Dos hombres que caminan (con Esteban Feune de Colombi) e Notas de suicidio (con David G. Torres), ambos moi vencellados a dous espectáculos que foron parte da programación de Escenas do cambio en 2021 (Suicide notes e O paseo de Robert Walser).
Dos hombres que caminan (Ediciones Menguantes, 2022) é un artefacto literario escrito a catro mans por Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi que recolle vinte singulares rutas a pé. Xuntos camiñan trens, rexeitamentos, amenceres, palacios abandonados, olores, silencios… Non é un libro de autoaxuda; tampouco unha reflexión sobre o camiñar. Pero si un salvavidas para transitar abismos ou unha lente para observar, walserianamente, o mundo e os seus detalles a través dalgo tan sinxelo como camiñar. Literatura, amizade e sentido do humor a catro quilómetros por hora.
Notas de suicidio (La Uña Rota, 2022) é un ensaio a partir dos últimos textos escritos por grandes artistas, escritores e creadores en xeral. A nota de suicidio é o último intento de comunicación con outro ser humano. Sempre nos diriximos a alguén nunha nota de suicidio. Este libro recolle no papel o espírito do espectáculo do mesmo título que Marc Caellas e David G. Torres trouxeron a Escenas do cambio 2021.
Coa participación dos autores Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi, e de Lola Correa, directora artística de Escenas do cambio.
De balde previa retirada de convite.