OUTsideINsideOUTside é unha peza creada de maneira específica para o espazo na Cidade da Cultura que traballa con elementos tradicionais pero empregados de maneira non tradicional: texto, citas e fragmentos, actos, danza, a experiencia dramática, a relación cos espectadores, a improvisación, e autores de referencia como Samuel Beckett ou Berthold Brecht. A peza sitúanos na zona de intersección entre a realidade e a ficción e toma o propio lugar e aos espectadores como parte dela.
Un percorrido que á maneira dunha banda de Moebius vai por dentro e sae fóra para devolvernos dentro. Dentro de que? Fóra de que? De onde?
Sucesivos encontros, secuencias e minisecuencias poéticas, discursivas, visuais, transitan textos de varios autores, case sempre das súas pezas inacabadas, construíndo ideas e conceptos por veces abstractos, a través dunha conversa universal, con silencios e reflexións, pensamentos en voz alta. Reflexionamos sobre a vida contemporánea. A vida do pensamento.
OUTsideINsideOUTside é a pesar de todos os seus estímulos, un relato. Conta unha pequena historia a través de como nos manifestamos e nos convertemos nalgo que non queremos, como estamos feitos de renuncia, e así atopámonos de novo no diálogo entre o real e o verdadeiro.
Sara Molina
Recoñecida actriz e dramaturga pioneira da vangarda teatral española. Formada nos seus inicios con Albert Boadella (Els Joglars) e Zubics-Panadeiro (actores e bailaríns da compañía de Pina Bausch), o traballo de Sara Molina (Xaén, 1958) estivo sempre marcado polas novas linguaxes e o performativo, pero sen renunciar aos trazos da excelencia. Como directora escénica asinou máis de corenta montaxes, e entre as súas pezas como autora destacan Imperfecta armonía, Made in China ou Mónadas, entre outras. Ten participado en diversas mostras teatrais estatais e internacionais como o Festival de Avignon, o F.I.T. de Cádiz ou a Muestra de Teatro Español de Autores Contemporáneos de Alacante. Ademais, traballou como docente teatral nas Universidades de Granada, Málaga, Cuenca ou Barcelona, así como en talleres municipais e escolas de artes escénicas e escolas privadas.