A compañía fundada por Tomeo Vergés ofrece dous espectáculos que funcionan como un díptico que son á vez expresión e posta en cuestión das contornas do masculino e do feminino.
Moi, Antonio M.
Moi, Antonio M., é unha sorte de autorretrato que nace do desexo de Alvaro Morell de explorar a brecha entre o que presentamos de nós mesmos e o que ocultamos tras as máscaras sociais e culturais. Utilizando elementos e materiais que lle son moi queridos e inspirado no xénero burlesco e a figura do pallaso, pon en escena a multiplicidade de “eus” que, coma a todos nós, o constitúen. Unha viaxe poética e vital, absurda, inquietante e divertida.
Que du bonheur (?)
Que du bonheur (?), que podería traducirse como “Só alegría(?)” deconstrúe e descompón os estudos do movemento do corpo. Que significa ser muller? A que códigos, a que presión social deben as mulleres someterse? Tomeo Vergés atopou unha fermosa metáfora escénica para profundar neste tema e cuestionar as imaxes esperadas ou esixidas que manteñen ás mulleres nun camiño establecido.
Nun camiño é onde se atopa a intérprete Sandrine Maisonneuve: ao ritmo dun metrónomo hipnótico cuxa cadencia se obriga a seguir, repite e transforma unha serie de movementos cotiáns. Prisioneira a pesar de todo de si mesma, libra unha batalla de ida e volta, xoga cos clixés e a linguaxe corporal, desde a composición da imaxe dunha muller perfecta ata a súa transformación nunha guerreira ancestral. Cómica, mordaz e liberadora.
Compagnie Man Drake / Tomeo Vergés
Desde a súa creación en 1992, a compañía Man Drake traballa na fronteira entre o teatro e a danza, e cada disciplina inflúe na outra nun estado de fricción continuo. Tomeo Vergés desenvolve este traballo a través das diversas pezas da compañía que, aínda que a miúdo teñen un carácter teatral, se centran no corpo. As súas actuacións dan un novo xiro ás situacións cotiás e sacan á luz unha inquietante estrañeza. O seu ton podería describirse como surrealista ou absurdo, ou, en calquera caso, fóra de ton. Paralelamente, Man Drake desenvolve formas coreográficas “fóra do escenario” que confrontan os corpos con diferentes tipos de espazos para alimentar a imaxinación e crear unha nova poética do corpo.
Este traballo tamén se expresa nos programas educativos e eventos de sensibilización da compañía. Do mesmo xeito que nas súas obras escénicas, estes a miúdo combinan máis dunha disciplina artística (como as artes visuais ou o cinema), e van máis aló da idea dun simple obradoiro ou clase, adoptando diversas formas (actuacións, proxeccións de películas e conferencias, por exemplo).