Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

Festival de teatro,
danza e arte en acción

(Raíz de dos)

Nieves Correa e Abel Loureda

Venres 6 de maio 18h
Cidade da Cultura, Exteriores

Proposta de Nieves Correa e Abel Loureda deseñada especificamente para os espazos da Cidade da Cultura. Trátase dunha intervención na que o lugar, a audiencia e as presencias dos artistas se converten nun todo indisoluble. (Raíz de dos) parte dun espazo baleiro e informe no que o público se distribúe sen ningunha referencia ou con referencias equívocas respecto a como se vai desenvolver a performance. Desde ese momento van aparecendo progresivamente diferentes elementos que se conforman como o eixo fundamental ao redor do cal se articula o traballo que ten unha configuración circular. A acción desenvólvese tanto neste punto focal como nas marxes do espazo e nas marxes do público, reflexionando sobre os aspectos técnicos do propio dispositivo performativo.

Nieves Correa e Abel Loureda

Despois dunha longa carreira por separado que se inicia a principios dos noventa tanto no campo da creación como no da organización, en 2012 comezan unha nova etapa traballando e vivindo xuntos. Desde entón traballan tamén noutros procesos de investigación colectivos ao redor da performance como NeoNeoDADA (Alemaña e Suíza), VaconVino (Segovia) e Redobre (Baixo Aragón). O proceso de creación de Nieves Correa e Abel Loureda ten relación coa súa vida e as súas esperanzas, como unha reflexión inconsciente do seu proceso de coñecemento común e polo tanto de coñecemento do mundo. O azar, como tan a miúdo nas nosas vidas, é un factor determinante que resolve moitas das súas propostas. Nas súas performances traballan sempre cunha “partitura” fixa coa que controlan o TEMPO, o ESPAZO e as súas PRESENZAS. O que sucede nas físgoas desa “partitura” é sempre unha sorpresa tanto para as artistas como para a audiencia. Teñen participado en numerosos festivais e proxectos entre os que caben destacar: Escenas do cambio (Santiago de Compostela); A Acción. Unha historia provisional dos 90–MACBA (Barcelona); A Acción contra a Poesía e viceversa–Fundación Joan Brosa (Barcelona); NIPAF (Xapón); Espazo de Arte Contemporánea EACC (Castelló); Bone Festival (Suíza), Centro de Arte la Regenta (Gran Canaria), Sophiensalle (Alemaña). Kiasma Museum (Finlandia). FAAC (Ecuador), Catalystic Art (Irlanda do Norte), Museo Vostell (Malpartida de Cáceres). En 2019 recibiron a bolsa da Fundación Castela e León pola provincia de Segovia polo proxecto (12) Actos de Memoria.

Ficha técnica

Castela e León | 45 min
Performance | Site-especific

De balde previa retirada de convite

Estrea

Absoluta
(Raíz de dos) Venres 6 de maio, 18h Cidade da Cultura Exteriores