Un diálogo coa memoria, cun territorio e cunha herdanza colectiva ao fío do esquecemento. Sons do esquecemento ou A navalla do Tempo propón ao espectador unha experiencia sensorial coa que favorecer a reflexión ao redor dun legado ao que cómpre darlle voz. Mateo Feijóo trasládase ao pobo ourensán de Vilar, na comarca da Baixa Limia, para construír un relato que toma como base os seus recordos e as vivencias da infancia. Partindo do íntimo, das experiencias vitais e a cotiandade das xentes deste territorio, xeográfica e metaforicamente illado, recolle as sensacións e o saber que residen quedos na memoria mais magoados polas pegadas do tempo. A fotografía e os rexistros sonoros constitúen os elementos clave dun espazo de encontro e intercambio, onde o espectador debe dialogar coa obra trazando o seu propio percorrido. “Deixarse atravesar polo camiño implica unha escoita sensorial. […] trazamos un camiño na memoria, no coñecemento e nos valores que están suspendidos no fío da navalla, a punto de desaparecer”.
Mateo Feijóo
Director artístico, coreógrafo e programador, Mateo Feijóo foi director do festival Escena Contemporánea de Madrid, do Teatro Laboral (Ciudad de la Cultura de Xixón, Asturias) e de Naves Matadero–Centro Internacional de Artes Vivas de Madrid, nesta última ata que finalizou en marzo de 2020. Ten traballado como asesor e colaborador con numerosos proxectos, plataformas e iniciativas como o Festimad, o Centro Coreográfico Galego e o Consello Nacional das Artes do INAEM, entre outros. Foi comisario da exposición The kitchen, Homage to Saint Therese de Marina Abramovic, para España e de El archivo del polvo. An Ongoing Project de Elena del Rivero, presentado o 11 de setembro de 2021 no Museo Es Baluard de Palma de Mallorca con motivo dos 20 anos dos atentados das Torres Xemelgas de Nova York. Como docente, imparte clases no Máster de Creación Teatral da Universidad Carlos III de Madrid.