Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

Festival de teatro,
danza e arte en acción

Waterclose (Preto da auga)

Teatro La Usina

Domingo 8 de maio 19h
Cidade da Cultura, Galería de servizos do Gaiás

Preto da auga, abrir pechar deixar saír, augas abertas, auga estancada, xa non é algo do outro, é algo propio, interno, abrir, deixar, ser…

Unha muller encerrada nun váter, subida a un retrete, libérase das cousas que a oprimen, revolvendo na súa propia merda, revolvéndose… mergúllase nunha viaxe interior, sen rumbo…

Augas abertas, fóra hai unha gran festa… algo termina… algo se acaba…

A desesperación, os medos, a tolemia e a tenrura, acompáñana ata o final… Perdida na inmensidade dun espazo incerto de auga, emocións e váteres…

Xuraría que te vin, xuraría que estabas aí…

Waterclose instálase no ámbito do teatro da crueldade, onde as accións, o texto e as emocións narran por igual a alma dunha muller en crise, nun ritmo vertixinoso de imaxes, cunha estética crúa e sensible. Waterclose fala de cambiar, de desprenderse, de abrir e deixar correr, de auga nova, limpa, fresca…

No ano 2002 a dramaturga e actriz mexicana Angélica Briseño e o director arxentino Gabriel Molina atópanse en Madrid para crear o seu primeiro proxecto en común: Woman Closed, espectáculo que tivo a súa estrea no Festival Alt Vigo Galicia en setembro 2002. Waterclose (preto da auga), dialoga con aquela primeira montaxe, confróntaa, desafíaa e transcéndea, nunha creación nova, revisada, recreada nun 2.0 daquel nacemento, nunha proposta arriscada, onde a dramaturga mexicana explora a súa relación coa auga, no seu universo como muller, 20 anos, dous fillos e un teatro despois… Saber nadar en augas abertas…

Teatro La Usina

Os seus directores artísticos, Angélica Briseño e Gabriel Molina, fundan a sala no ano 2006 en Madrid. La Usina está composta por un grupo de profesionais do ámbito teatral, actores, directores e dramaturgos, dedicados á creación, produción e desenvolvemento de proxectos teatrais, á investigación no campo da técnica e a estética teatral, e á formación de grupos xeradores de feitos teatrais. Un espazo para a creación, cunha programación estable, que se renova constantemente, a partir dunha selección coidada de proxectos teatrais innovadores e de calidade.

Unha sala que combina producións propias, con espectáculos de compañías emerxentes e consolidadas, en busca de ofrecer o mellor teatro.

Membro da rede nacional de salas alternativas e referente na programación teatral madrileña, alberga distintos festivais de artes escénicas e medra na elección do público, presentando con calidez e coidado as propostas máis renovadoras do panorama teatral.

Ficha técnica

Madrid | 45 min | 5 €
Teatro experimental

Dirección: Gabriel Molina González
Intérprete: Angélica Briseño Ortega
Textos: Angélica Briseño Ortega
Espazo escénico: Gabriel Molina González
Deseño sonoro: Gabriel Molina González
Vestiario e fotografía: María Patricia Soroa
Soporte técnico e loxística: Teatro La Usina
Asistencia técnica en xira: Mara Roa
Promoción e difusión en medios: Teatro La Usina
Deseño gráfico: Pedro Carchenilla
Produción xeral: Teatro La Usina

Estrea

En Galicia.

Revisión e actualización do primeiro espectáculo da compañía 'Women Closed', no 20 aniversario da súa estrea.
Waterclose (Preto da auga) Domingo 8 de maio, 19h Cidade da Cultura Galería de servizos do Gaiás