Vivir é como avanzar por un museo: é despois cando empezas a entender o que viches
Audrey Hepburn
Escenas do cambio é un festival para o encontro e a proximidade, por iso busca en cada nova edición que o artístico conviva en novos espazos, acrecentando a idea de cambio e intercambio.
O encontro entre artistas e público é a materialización da arte. Se non se dan estas circunstancias, a arte non ten sentido, só se podemos mostrala e relacionala cos demais terá unha finalidade como tal.
Escenas do cambio 2022 indagará de novo alí onde sempre se pode avanzar un pouco máis na experiencia escénica. Trazar unha liña transversal sobre o espazo, remexer continuamente no territorio determina a forma e formato das propostas das compañías convidadas.
Dentro desa transversalidade podemos considerar o corpo e a palabra como motores da comunicación e das novas linguaxes.
Esta edición fará fincapé na dramaturxia, esa que dá voz e forma primeira a todo, a que inicia o proxecto, a que imaxina o que sucederá despois.
Continuando o especial da edición anterior: Escenas en danza, este ano convidamos a cinco dramaturgas galegas para que, nun percorrido-paseo, nos leven a ese mundo interior, ao lugar onde nacen as ideas e por que non, os soños.
En Escenas (Con)Textualizadas, Helen Bertels, Helena Varela, Ana Abad, Ana Vallés e Gena Baamonde serán as encargadas de descubrir o concepto menos recoñecido (quizais) do teatro: a dramaturxia.
E o programa ao completo abrirá a caixa da fantasía ou do desvarío:
Inauguraremos coa exposición sobre María Casares no seu centenario, cun concerto de Pedro Soler e a presenza de Anne Plantagenet, autora da biografía da actriz, La única, e do director Lluís Pascual.
Mateo Feijóo introduciranos na enxeñería do son e Voadora na dun Hamlet burlón.
Mercé de Rande, Nieves Correa e Tânia Carvalho profundarán nas voces da danza e da performance.
Miguel Ponce de León, artista novel galego, mostrará a maxia e a estética aplicada e coa compañía Societat Doctor Alonso introducirémonos na Hammamturgia.
Ramón Souto recreará un concerto á alba e Marc Caellas e Esteban Feune De Colombi levarannos de viaxe a Fisterra… nun traxecto moi especial.
A compañía de Tomeo Vergés presentará dous sorprendentes solos de danza en diálogo individual co espazo.
Pero, pode o tempo modificar a arte escénica? Como sempre, o festival quere botar unha ollada atrás e convida a unha compañía a regurxitar unha obra anterior. Este ano serán Angélica Briseño e Gabriel Molina de La Usina os que recuperen, vinte anos despois, unha peza para Escenas do cambio.
E Sara Molina, pechará esta edición cunha proposta site specific que xogará coa contorna, entreabrindo o externo cara ao interno.
Lola Correa. Directora artística do Festival Escenas do cambio 2022