MUSEO CENTRO GAIÁS Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Principal escenario de Escenas do cambio desde a súa primeira edición. A súa beleza e flexibilidade converten a este edificio da Cidade da Cultura de Galicia no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas.
Andar -1: Sala 1

GALERÍA DE SERVIZOS DO GAIÁS Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Galería de túneles que percorre os sotos do complexo e conecta entre si os diferentes edificios da Cidade da Cultura. Empregado de maneira principal para facilitar o acceso de materiais a cada espazo e tamén como escenario de espectáculos escénicos e musicais.

SALA EISENMAN Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Sala polivalente situada no Centro de Emprendemento Creativo da Cidade da Cultura. Concibida como un espazo diáfano no que a luz e as vistas á praza central do Gaiás son protagonistas, a súa versatilidade permite acoller todo tipo de eventos, presentacións e espectáculos.

BIBLIOTECA E ARQUIVO DE GALICIA Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Cabeceiras da rede pública de bibliotecas e arquivos de Galicia, reúne, conserva e difunde o patrimonio bibliográfico e documental galego e facilita o acceso ao mesmo, xa sexa de forma presencial ou virtual. Peza clave para as actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e as bibliotecas, a difusión da cultura galega é un dos grandes obxectivos desta institución. Ademais, funciona como depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia.

XARDÍN LITERARIO Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

A Cidade da Cultura conta no corazón do complexo co Xardín Literario, un espazo verde dedicado aos escritores e poetas galegos. Este xardín, que ocupa algo máis dunha hectárea, desprega unha plantación de árbores de 14 especies diferentes que evocan na súa disposición as follas dun libro. Complétase cun pequeno sendeiro, o Camiño dos Libros, e cunha instalación artística xerada a través de placas con citas literarias de autores galegos, rodeado de camelias.

CENTRO GALEGO DE ARTE CONTEMPORÁNEA Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 2 - Santiago de Compostela

O Centro Galego de Arte Contemporánea é un espazo de difusión cultural cuxa función é dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar sobre a diversidade das conformacións culturais na sociedade contemporánea. Creado en 1993, o CGAC é un espazo expositivo, dinámico e multidisciplinar dedicado á difusión da arte internacional e galega das últimas décadas, incluíndo tanto autores consagrados coma emerxentes. Ademais, ten acollido ciclos de conferencias, obradoiros, incursións no campo da música, as artes escénicas, a arquitectura, a moda e o cinema, que permiten a participación activa do público e favorecen o intercambio de ideas entre profesionais de distintos ámbitos.

SALÓN TEATRO Rúa Nova, 34 - Santiago de Compostela

Situado na zona histórica de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi inaugurado de novo en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Xestionado na actualidade pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través de Agadic, o teatro acolle a exhibición en Compostela de todas as producións do Centro Dramático Galego — que ten aquí a súa sede —, ademais dunha programación aberta ás distintas disciplinas escénicas, á música e ao cinema. A súa capacidade é de 272 butacas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Capital da Comunidade Autónoma de Galicia, Santiago de Compostela é unha cidade declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO grazas á súa beleza monumental, extraordinaria conservación e por ser meta dunha milenaria ruta de peregrinación: o Camiño de Santiago, punto de encontro da fe e do pensamento do mundo occidental. Santiago de Compostela é unha aparición de pedra ancorada entre os verdes bosques do Noroeste español e as veciñas rías galegas. A arte do Románico, o Barroco e o Renacemento deron forma á imaxe monumental da urbe, onde conflúen mosteiros, igrexas, casas señoriais e prazas nas que o tempo escolleu quedar detido.