Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

4–6 Maio 2023
FESTIVAL DE TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN
Gaiás, Cidade da Cultura

Xunta de Galicia

4—6
MAIO
2023

FESTIVAL DE TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN

GAIÁS, CIDADE DA CULTURA

Xunta de Galicia

Háblame, cuerpo

Nazario Díaz

Sábado 6 de maio 17h
Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela

Háblame, cuerpo é parte de Looking for Pepe, un estudo iniciado por Nazario Díaz en 2016 que parte da figura do artista cordobés Pepe Espaliú (1955-1993) para despregar unha serie de investigacións en torno ao corpo, á linguaxe e ao territorio. Háblame, cuerpo toma o seu título do texto que Juan Vicente Aliaga escribiu con motivo da exposición realizada no Pavillón Mudéjar de Sevilla en homenaxe a Espaliú en 1994, un ano despois do seu falecemento por mor do virus da SIDA. O estudo ao redor de Espaliú e como desenvolveu vínculos entre a súa obra e a súa circunstancia, marcada pola enfermidade, nun momento social e político en plena transformación, inspira un traballo ao redor da materia que muta ou desaparece, e á idea de desgaste e de suxeición dun corpo entendido como existencia física e social.

“Propoño un acto de resistencia que vincula aspectos como a transformación fonética do meu fluxo vocal, a noción de circularidade ou a idea do borrado a través da insistencia; colocando o meu corpo en colisión coa linguaxe e con certa vontade de oscilación xeográfica e identitaria”.

 

Nazario Díaz

Nazario Díaz (Linares, Xaén) desenvolve o seu traballo principalmente no terreo das artes performativas, poñendo o foco na tensión xerada entre corpo, mirada e escritura. Forma parte de Vértebro, xunto a Juan Diego Calzada e Ángela López, con quen comisaría en Córdoba o festival Beautiful Movers. O seu paso polo Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual da Universidad de Castilla-La Mancha, ARTEA e o Museo Reina Sofía, permítelle un contexto crítico no que desenvolver o proxecto Looking for Pepe, que reúne intereses previos ao redor de dous conceptos centrais: presenza e resistencia. Como intérprete traballou, entre outros, con Jorge Gallardo, Isaak Erdoiza ou Societat Doctor Alonso. Desde finais de 2018, en Bilbao, participa en dous contextos colectivos de aprendizaxe: PICA, un programa intensivo de acompañamento a unha comunidade temporal de artistas e investigadorxs que tivo lugar en Azala (Vitoria-Gasteiz), conducido por Idoia Zabaleta e Luciana Chieregati, e o programa Invitación, unha proposta de Coletivo Qualquer para investigar e intercambiar metodoloxías e ferramentas provenientes do ámbito das artes vivas.

O seu traballo foi apoiado institucionalmente e presentado en contextos como Terrassa Noves Tendències (Barcelona), Reims Scenes d’Europe (Francia), Encuentro Internacional de Artes Vivas de Tlalpan (Ciudad de México), Naves Matadero– Centro Internacional de Artes Vivas (Madrid), Graner/Festival sâlmon< (Barcelona), Azkuna Zentroa/Alhóndiga (Bilbao), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia (MNCARS, Madrid) ou a Academia de España en Roma (Italia).

Actualmente reside entre Bilbao e Lisboa, onde desenvolve os proxectos Otro borrado a través de la insistencia, dentro do marco do Programa Avanzado de Creación en Artes Performativas, comisariado por João Fiadeiro para Forum Dança (Lisboa), e Conversation pieces, xunto ao coreógrafo vasco Isaak Erdoiza, unha investigación ao redor de cuestións sonoras relacionadas co ámbito coreográfico.

Ficha técnica

Andalucía | 50 min | De balde

Creación e interpretación: Nazario Díaz
Fotografías: Patricia Nieto

Entrada libre ata completar capacidade