Afortunadamente sempre existe outro día. E outros soños. E outras risas. E outras persoas. E outras cousas
Clarice Lispector
As artes escénicas están en continuo movemento e transformación; é este un desexo tan efémero e complexo como as propias artes.
Os festivais, que adoitan acontecer unha vez ao ano, deberían ter en conta este particular dando cabida a propostas singulares e arriscadas que poñan de manifesto a mudanza, o cambio, a experimentación e as controversias do mundo sobre e na escena.
Escenas do cambio vai cara á súa novena edición sen perder de vista o porqué é necesario un festival destas características. A idea global de entreter convértese nunha idea menos global e máis persoal de chegar a un público que tamén vai cambiando, que demanda outros formatos e outras linguaxes. A realidade superou á ficción e é tan necesaria que nos convida a vela e a escoitala.
As artistas convidadas conviven nunha realidade común, nun relato do mundo actual que atravesa as súas pezas cunha excepcionalidade constante de procura do concreto.
A estrea de Kirenia Danza en colaboración co Centro Coreográfico Galego pecha a súa triloxía dos Afectos como tamén o fai a proposta da compañía Matarile poñendo punto final á súa triloxía da Fraxilidade, en colaboración co Teatro Español e o Centro dramático Galego.
E de Galicia tamén contaremos coa presenza de cinco poetas escénicas nun percorrido inédito; Yolanda Castaño, Silvia Penas, Nuria Vil, Xiana Arias e Nieves Neira recrean unha viaxe poética en consonancia cos espazos elixidos.
Matías Daporta presenta, de volta na súa terra natal, unha proposta singular sobre o casting de tres actrices para Washington, o filme nunca realizado por Lars Von Trier.
De Andalucía chega Alberto Cortés, que nos adentra en One nigth at the golden bar para levarnos a universos privados.
E de Cataluña Las Huecas, unha nova compañía que ataca á sensibilidade con Aquellas que no deben morir.
De Canarias, o dramaturgo e compositor Roberto García de Mesa crea para o festival o seu Poco (o alguien dirá que nos equivocamos).
De Andalucía-Euskadi o artista Nazario Díaz presenta Háblame, cuerpo un solo que procura os sons no propio corpo.
E de Portugal, aínda que brasileiro de nacemento, e en colaboración co Instituto Camões, contaremos coa presenza de Gustavo Ciríaco, un creador que apostará polo paseo, polo encontro do público co público en Aquí mentres camiñamos.
Pecharemos esta edición co concerto de Maite Dono e Baldo Martínez (SONS-NÚS/CatroNubes) que crean para Escenas do cambio a súa última peza musical coa presenza do videoartista Anto Lloveras.
E atoparemos un momento para charlar, para reflexionar, para falar de arte, de necesidades ou de incertezas.
Desexamos que esta edición, unha vez máis, consiga encher ese baleiro que sempre se desintegra ao saír dunha función de Escenas do cambio.
Lola Correa. Directora artística do Festival Escenas do cambio 2023