Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

4–6 Maio 2023
FESTIVAL DE TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN
Gaiás, Cidade da Cultura

Xunta de Galicia

4—6
MAIO
2023

FESTIVAL DE TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN

GAIÁS, CIDADE DA CULTURA

Xunta de Galicia

Concerto final de festa

SONS-NÚS/CatroNubes

Sábado 6 de maio 21.30h
Cidade da Cultura | Museo Centro Gaiás, Sala 1

O dúo Sons-Nús, formado polo contrabaixista de jazz Baldo Martínez e a cantante Maite Dono, abre o seu espectro de busca cunha formación paralela de catro-cinco-pés: CatroNubes. Dous músicos, Ton Risco (percusión e vibráfono) e Xosé Miguélez (saxos e frauta), e o artista socio-plástico Anto Lloveras, abren esta nova liña do dúo que se estreará na Cidade da Cultura de Galicia, como colofón da novena edición de Escenas do cambio. Camiñarán a partir de antigos temas do dúo, nados arredor da figura do poeta do Courel, Uxío Novoneyra, recreados para este novo proxecto, á vez que estrearán novas pezas que han de ser o gromo do seu novo traballo, xa bautizado como Pan de Neve: jazz, tradición, experimentación sonora/plástica e poesía serán as ferramentas de investigación para este cuarteto que debuta en Santiago Compostela.

 

Sons-Nús

Nace no ano 2010 para crear un traballo minimalista arredor da poesía e a música. Tomando o nome dese primeiro traballo —Sons-Nús—, o dúo formado por Maite Dono e Baldo Martínez continúa investigando sempre desde a nudez creativa; partindo do jazz, o folclore e a libre improvisación.

Contrabaixo e voz en sinxela amálgama, pretenden percorrer un camiño desde a escoita atenta á natureza viva e á palabra; aos ecos que deixan reverberando no ar os poetas; á música agachada entre as dobras da cotiandade e o silencio. Versatilidade, non-definición serían conceptos aplicables á súa proposta.

Sons-Nús convértese no que daría en chamarse un dúo de peregrinación artística aberto á recollida e á investigación; sen rumbo prefixado pero seguros de que a viaxe pasa pola observación atenta e o respecto ao pequeno.

Para dar comezo a este novo proxecto que se estrea en Escenas do cambio, parten do traballo que vén de atrás, é dicir, o acompañamento poético-espiritual do poeta Uxío Novoneyra, xunto coas voces ancestrais do canto tradicional de Galicia. Desde este porto, partirán cara a novos lugares sen esquecer en absoluto de onde veñen. A idea é ir facendo escala en cada lugar, dando tempo ao tempo, á asimilación pausada de todo o novo que se lles brinde na viaxe.

Este é o novo camiño que con entusiasmo emprende Sons-Nús.

Ficha técnica

Galicia | 75 min | 9 €

Voz: Maite Dono
Contrabaixo: Baldo Martínez
Saxo: Xosé Miguélez
Vibráfono: Ton Risco
Arte: Anto Lloveras

Estrea absoluta