Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

4–6 Maio 2023
FESTIVAL DE TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN
Gaiás, Cidade da Cultura

Xunta de Galicia

4—6
MAIO
2023

FESTIVAL DE TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN

GAIÁS, CIDADE DA CULTURA

Xunta de Galicia

Poescénicas

Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira

Sábado 6 de maio 12h
Cidade da Cultura, Itinerante pola Biblioteca de Galicia e o Xardín Literario

Este será o noso terceiro percorrido en feminino dentro do festival Escenas do cambio.

Nas dúas edicións anteriores, tivemos o pracer de contar coa presenza de artistas galegas do ámbito da danza e da dramaturxia. Nesta ocasión o percorrido corre a cargo de cinco poetas escénicas galegas.

Silvia Penas, Yolanda Castaño, Nuria Vil, Nieves Neira e Xiana Arias elixiron diferentes espazos da Cidade da Cultura para crear un percorrido poético coas súas voces.

A poesía como leito, como río que nos levará a lugares inexplorados, a escenarios improvisados. A poesía como encontro, como dispositivo escénico. A poesía como reflexo artístico, visible e vehemente. A poesía, que tanta falta nos fai.

Lola Correa

“Me fui con mis palabras a la calle. Las abrazo, las escojo. Soy libre. Aunque no tenga nada” – Gioconda Belli

 

 

Idioma da tinta. Yolanda Castaño

O que separa a poesía galega escrita hoxe por mulleres e a sociedade é con frecuencia unha placa transparente, un vidro que tanto afasta como deixa ver.

Como facermos que os libros non fiquen dentro das súas vitrinas, mercadoría inmaculada? Como combatermos a espectacularización da cultura escrita, logrando que todo un idioma de tinta bote a falar desde o escaparate?

Hai para a poesía galega escrita hoxe por mulleres un teito ou é apenas un muro de cristal?

O compositor Isaac Garabatos pon música orixinal aos poemas de Yolanda Castaño nun diálogo interdisciplinar envolvente de 15 minutos de duración. Un recital expandido que pon en escena un par de temas recollidos no libro-disco Idioma da Tinta, cargado de expresividade, provocación unhas veces e sutil elegancia outras.

Yolanda Castaño.- Poeta, editora e premiada xestora cultural con 28 anos de desempeño e a súa propia Residencia para Escritores/as en Galicia. Os seus oito poemarios valéronlle galardóns coma o da Crítica Española, o das Librerías de Galicia, o Ojo Crítico, o de Afundación ou o González Garcés. Completan a súa bibliografía antoloxías persoais (bilingües, con música, en cómic poético…), plaquettes en seis idiomas, títulos en inglés, francés, italiano, esloveno, serbio, macedonio e armenio, obras como editora, biógrafa de poetas ou tradutora, e sete poemarios para crianzas. Pioneira e premiada fusionadora de poesía con outras artes, e distinguida con bolsas de creación en residencia en Rodas, Múnich, Beijing, Escocia, Andalucía, Finlandia, Galicia e California, ten amosado a súa obra por máis de corenta países de Europa, América, Asia e África.

 

Cortar, refogar, afogar. Silvia Penas

Unha peza de poesía en acción, con intervención sonora de guitarra eléctrica e percusión en directo. Unha reflexión arredor do cabelo das mulleres como campo de batalla e como elemento simbólico onde se enguedellan mensaxes subversivas e de liberdade, pero tamén de exterminio e submisión. As rapadas do franquismo e outros réximes totalitarios, as trenzas das escravas que delineaban rutas de fuga, ou as recentes protestas en Irán que levantaron unha onda de sororidade a escala mundial son algúns exemplos de como as cabeleiras femininas foron e continúan a ser branco, escusa, vértice de conflitos e acontecementos históricos. Aproximadamente 70 micróns de diámetro serven para soster o peso mesto da humanidade.

Silvia Penas.- Silvia Penas (Vigo, 1980) é poeta, performer e creadora. O seu traballo ten como punto de partida a escrita de textos, cunha forte vocación de indagar na poesía escénica e outros formatos de poesía volátil ou efémera. Principal é tamén nos seus proxectos a experimentación arredor da fusión da poesía con outras disciplinas artísticas. Canda o músico e videocreador Jesús Andrés Tejada crea o dúo en activo de poesía escénica, música e videoarte Cintaadhesiva. Ten publicados cinco libros de poesía: Biografía da multitude, As uñas crecen, Diario de ladras, bailarinas, asesinas e flores, Fronteira Paraíso e O resto é céu, varios deles premiados en diferentes certames.

 

Placa. Clo Plas (Xiana Arias e Berio Molina)

Que así lle chamo eu á terraza de cemento. Sen varandas. A ela o que lle gustaba era estar na placa ao sol. E asomarse. Polo visto, o merlo ten máis de trinta cantos distintos. A natureza pretende o abstracto para nós. Pin, pin. Clin, clin. Clo plas. Dúas voces, dous paus. Baixa fidelidade. Tenro radical. Non sigas a pelota ata o final.

Clo Plas.- Dúo formado por Xiana Arias e Berio Molina en 2020. Soa a rap minimalista e a retrousos de vocación popeira de baixa fidelidade. O seu primeiro EP ‘bafi’ foi gravado e producido polo Hevi e publicado ao abeiro da Regueifa plataforma en 2022.

Berio Molina (A Fonsagrada, 1979) é artista e programador centrado na arte sonora, audiovisual e de acción. Foi membro dos colectivos Flexo e Escoitar.org e da Comunidade de Arte e Acción libre Alg-a.

Xiana Arias (A Fonsagrada 1983) é escritora e xornalista. Traballou na Radio Galega, nos programas Diario Cutural e Onda Vital, entre 2005 e 2020. Formou parte do grupo Atrás Tigre co que editou o disco longo Fainos Saír en 2017. Publicou os poemarios Ortigas (Espiral Maior 2007) e Acusación (Galaxia, 2009) e o relato «As Tigresas» no volume colectivo O ano do tigre (Rodepris, 2022).

 

espazo a vulnerar. Nuria Vil e Iria Silvosa

a corpa esténdese na pronuncia da dúbida

Espazo a vulnerar preséntase como unha peza híbrida na que imaxe analóxica, palabra e son dan a man para explorar as súas posibilidades. A partir da música experimental de MorlitaM, Nuria Vil e Iria Silvosa crean unha paisaxe sensorial a través da que transitar a construción da propia identidade.

Nuria Vil (Nuria Vilán Prado – Santo André de Comesaña).- Resitadora. Diversifica os seus intereses nun intento de sosterse como creadora autónoma. Desde 2016, forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro e da plataforma de crítica literaria A Sega; xestiona un perfil na páxina de mecenado Patreon e na canle de YouTube de divulgación cultural Coidado coa Cadela. Traballa como correctora editorial e tamén imparte obradoiros arredor da creación poética e do galego. Simún (Chan da Pólvora, 2021) é o seu primeiro e único poemario escrito. O transfeminismo, a conciencia antirracista e a vindicación social vertebran a súa forma de crear e de posicionarse no mundo.

Iria Silvosa.- Creadora audiovisual especializada en montaxe e centrada na composición a partir de soportes analóxicos. É socia traballadora na cooperativa Numax e combina a rama cinéfila coa creativa a través da realización de pezas en Super-8, MiniDV ou calquera outro soporte considerado amateur que se lle pase por diante.

 

Tornasol. Nieves Neira

Nieves Neira (poesía) e Rafael Mallo (música) dialogan nesta peza cun poeta que, hai mil anos, lanzou o corazón dunha ave, do poema, até nós. Ibn Hisn é o nome que recollemos, o camiño do arco que tensa a escrita, o paxaro que canta nesta proposta experimental de son, corpo e voz.

Nieves Neira.- Naceu en Lugo no ano 1983 e nesta cidade traballa como xornalista, ámbito polo que levou o premio Johán Carballeira. Publicou o poemario Neve de agosto (Chan da Pólvora, 2022) e é coautora de O feitizo de Maruja Roca (aCentral Folque, 2020). Ten colaborado con artistas como Carla Andrade (Geometría de ecos, Cando os ollos non bastan), Sabela Mendoza (Dedicatoria), Luís López Alonso (Salífero opus 4), Olalla Caamaño e Cris Vilariño (Trenza) e Rafael Mallo (Tornasol), así como coas integrantes da asociación luguesa de artes escénicas 3 monos, coas que mantén unha intensa amizade creativa. É estreita colaboradora da Fundación Uxío Novoneyra e tamén participa do Espaço Llansol, en Lisboa, autora da que coeditou a obra Fulgor. Lectura danzada de Maria Gabriela Llansol (Ámboa, 2019).

Ficha técnica

Galicia | 75 min | 9 €
Idioma: galego
Punto de encontro na entrada da Biblioteca

IDIOMA DA TINTA: Yolanda Castaño e Isaac Garabatos

CORTAR, REFOGAR, AFOGAR
Creación, dirección, texto e voz: Silvia Penas
Guitarra eléctrica: Jesús Andrés Tejada
Percusión: Chucho González

PLACA: Clo Plas - Xiana Arias e Berio Molina

ESPAZO A VULNERAR
Imaxe analóxica en directo: Iria Silvosa
Música: MorlitaM
Palabra falada: Nurial Vil
Fotografía: © Dania Pol

TORNASOL: Nieves Neira (poesía) e Rafael Mallo (música)

Estrea absoluta