Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

3—5 Maio 2024
Festival de teatro, danza e arte en acción
Gaiás, Cidade da Cultura

Xunta de Galicia

3—5 Maio 2024

Festival de teatro,
danza e arte
en acción

Xunta de Galicia

António Gonçalves regresa sobre Ecce Corpus, performance que realizou no ano 1999 a partir da investigación de obras de Chris Burden, Herman Nitsch, Marina Abramovic e Orlan, recuperando o rexistro das imaxes do acto nunha instalación inmersiva que renova a experiencia de contacto con elas.

Unha obra que fala do poder da imaxe como rexistro da memoria e do significado que se lle dá ao tempo retido.

Nun momento no que vivimos máis ca nunca rodeados de imaxes e da discusión sobre a súa veracidade ou autenticidade, retomar esta performance é traer á experiencia de quen observa unha inquedanza. Unha reflexión que aguilloa a sensibilidade a través da fusión de imaxes de diferentes accións e tempos nas que se revela o uso do corpo como base dunha acción física ou simulada que, como pegada final, deixa en nós só unha proxección, unha imaxe.

António Gonçalves da Costa

António Gonçalves da Costa é profesor convidado na Faculdade de Belas Artes do Porto, licenciado en artes plásticas por esta mesma universidade e doutor en Historia da Arte pola Universitat de les Illes Balears. Ao abeiro do programa Erasmus 1998-1999, frecuentou a Facultade de Belas Artes da Universidad de Cuenca, onde naceu o seu proxecto Ecce Corpus. Traballa como pintor, curador e director de diversas galerías e museos de Portugal. Desde 2023 dirixe dentro da Universidade do Minho o Museu Nogueira da Silva (Braga), a Casa Museu de Monção e a Galeria do Paço (Braga). É curador da Galeria Ala da Frente (V.N. Famalicão) desde 2015.

Ademais, foi administrador da Fundação Cupertino de Miranda (V.N. Famalicão) de 2010 a 2018 e director artístico da mesma entre 2002 e 2018. Ostentou tamén o cargo de vice-presidente da ACAMFE Asociación de Casas-Museo y Fundaciones de Escritores de España entre os anos 2014 e 2018 e traballou como profesor adxunto na Escola Superior Artística do Porto extensão de Guimarães, de 2002 a 2014.

Ficha técnica

Portugal | De balde

Imaxes con títulos: Ecce Corpus (a partir de performances de Orlan, Chris Burden; Hermann Nitsch e Marina Abramovic), 1999-2020.

A instalación poderá visitarse libremente, en horario de apertura do Museo Centro Gaiás (10:00 a 20:00 horas), durante os días do festival.

Estrea absoluta

Infiltrado sen camuflaxe en Escenas do cambio, o Comando Dramatúrxico preséntanos un avance das súas incursións no festival. Este equipo, dirixido polo escritor, dramaturgo e profesor Afonso Becerra, ten a misión de acompañar os espectáculos cunha ollada analítica que estuda, documenta e transmite o que acontece tanto nos escenarios como nas plateas, entre o público.

O Comando Dramatúrxico busca propiciar espazos abertos para o pensamento e o debate que transcendan a natureza efémera da experiencia artística na escena. O seu traballo parte da análise dos espectáculos desde múltiples perspectivas (artística, sociolóxica, ecolóxica, técnica, etc.) para ver logo os efectos e afectos que xera cada proposta na audiencia.

Forman o Comando Dramatúrxico de Escenas do cambio 2024: Joana von Mayer, Pedro Galante, Juan Escalona, Diana Longa, Iván Fernández, Elsa Pereira e Afonso Becerra.

 

Afonso Becerra.- Dramaturgo, director de escena e profesor do Departamento de Dirección escénica e dramaturxia da ESAD de Galicia. Tamén dirixe a erregueté | Revista Galega de Teatro e colabora en diferentes medios de comunicación. É doutor en Artes escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona e titulado superior en Arte Dramática polo Institut del Teatre de Barcelona.

Joana von Mayer Trindade.- Coreógrafa, bailarina e profesora. Dedícase á investigación e prácticas de craft e arte do bailarín/performer cunha metodoloxía propia e abordaxe singular. Mestrado en SODA (Solo/Dance/Authorship), Universidade das Artes Berlin UDK/HZT. Licenciada en Psicoloxía (FPCEUP). Fundadora e directora artística da Nuisis Zobop con Hugo Calhim Cristóvão. Curso de Intérpretes de Danza Contemporánea do Forum Dança e Curso Essais no CNDC d’Angers.

Pedro Galante.- [El] Artista e mediador portugués, radicado no Porto [Portugal], que desenvolve investigación e traballo artístico na relación corpo-espazo e nos mecanismos e sistemas implicados na sensibilidade estética, na acción de observar e ser observado. Con foco nas artes performativas e visuais, cruza áreas como moda, escenografía, danza, estética, estudos dramatúrxicos, deseño, instalación e cultura queer.

Juan Escalona.- Facilitador teatral con ampla traxectoria, comezou impartindo talleres teatrais en 2012, e en 2015 a traballar como coordinador de proxectos europeos. En 2021 fundou a asociación FOCO, onde actualmente traballa, e iniciou os seus estudos na ESADG. Está formado en facilitación teatral, educación non formal e diversas técnicas teatrais. Tamén facilita obradoiros e colabora na creación de manuais pedagóxicos.

Diana Longa.- Dramaturga e creadora escénica. Nada no ano 2001 na cidade de Vigo. Remata os seus estudos en arte dramática na ESAD de Galicia no ano 2023 e comeza a colaborar coa Revista Galega de Teatro dende o ano 2021, onde fai crítica teatral e artigos de opinión.

Iván Fernández.- Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O seu eido profesional abrangue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia ao campo terapéutico. Creador dos obradoiros de Teatro Emocional e colaborador na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa Zig Zag Diario.

Elsa Pereira.- Baila, coida das súas plantas e investiga sobre as artes do movemento. Formouse principalmente en Santiago e no Porto onde realizou o (FAICC) Programa de formación avanzada en interpretación e creación contemporánea. Desenvolve un proxecto de danza en espazos non convencionais para reactivar miradas, e crea con Fonsi Millán o Colectivo Cru, proposta que aposta pola improvisación como motor de composición. Imparte aulas de danza de xeito regular, así como obradoiros “Site specific” (corpo-espazo) para cartografar territorios urbanos turistificados co obxectivo de crear camiños do desexo propios.

Ficha técnica

De balde

My neighbor sky é un proxecto de creación continua e site specific entre Oguri, bailarín xaponés afincado en Los Ángeles (EEUU) e Andrés Corchero, bailarín de orixe manchega residente en Cataluña. Ambos coñecéronse en Xapón en 1986 e foron membros da compañía Mai Juku, dirixida por Min Tanaka.

En Xapón, mentres bailaban e traballaban, Corchero e Oguri miraban e compartían o mesmo ceo. Despois marcharon por separado a vivir as súas vidas e continuaron traballando e bailando baixo ceos diferentes. Case trinta anos despois reencóntranse en Barcelona e bailan improvisadamente polas rúas do barrio de Gràcia. Como se o tempo non transcorrese, inspíranse no corpo e na danza do outro, aínda estando separados no espazo parece que as súas sombras bailan xuntas. A conexión é tan fonda que fai pensar que quizais estiveron compartindo o mesmo ceo todos eses anos, a pesar da distancia.

My neighbor sky revive en cada novo encontro entre Corchero e Oguri, atravesado polas vivencias do pasado pero tamén polos estímulos e a inspiración de cada espazo físico onde se representa. En Escenas do cambio serán o Xardín do Teatro e a instalación Espellos, de Manolo Paz, no Bosque de Galicia, os escenarios destes novos encontros, sempre cambiantes, baixo o mesmo ceo.

Aviso: Debido á previsión de chuvia durante a fin de semana, os dous pases de «My neighbor sky» serán baixo os soportais entre a Sala Eisenman e o Centro de Emprendemento Creativo. Punto de encontro: Espazo REGA 1 (ao carón do Museo Centro Gaiás).

Andrés Corchero

Bailarín e coreógrafo nacido en Puertollano (Ciudad Real) e residente en Cataluña. Explorador incansable das linguaxes do corpo e da danza, estudia teatro, circo, mimo contemporáneo e clown. En 1985 coñece a danza Butoh e decide trasladarse a Tokyo, onde estuda e traballa con Min Tanaka e Kazuoh Ohno. Entra a formar parte da compañía Mai-Juku de Tanaka, coa que xira por en Xapón, Europa e Estados Unidos. Comeza a súa traxectoria como coreógrafo en Barcelona co espectáculo A un poeta futuro, primeira das moitas colaboracións realizadas co poeta e traductor Feliu Formosa. Recibe, entre outros, o Premio Nacional de Danza de Cataluña en 2003 e o Premio ‘Al pas de la tarda 92’ de Radio Nacional de España.

Ao longo da súa traxectoria, Corchero ten colaborado con artistas de diversas disciplinas, como o artista plástico Jordi Rocosa, a cantante Silvia Pérez Cruz, o músico Ivo Sans, os actores e directores Pep Ramis, Enric Ases e Piero Steiner, o pianista Agustí Fernández e o músico Joan Saura, entre outros. De 1993 a 2012 dirixe con Rosa Muñoz a prestixiosa compañía Raravis.
Do seu reencontro con Oguri nace o proxecto de creación continua My neighbor sky (2012), así como Return to Absence (2014), inspirado na triloxía de Samuel Beckett, o dueto 451 (2020) e Body as evidence (2022), ambos en homenaxe a Ray Bradbury.

No ámbito da formación, continúa o labor pedagóxico e de difusión do Body Weather que iniciou fai máis de 30 anos e imparte clases regulares e obradoiros intensivos en todo o mundo. Desde 1998 é profesor na Escola Superior d’Art Dramàtic e no Conservatori Superior de Dansa do Institut del Teatre de Barcelona.

Oguri

Bailarín e coreógrafo nacido na prefectura de Gifu (Xapón) e residente en California (EEUU), onde formou Body Weather Laboratory de Los Ángeles con Roxanne Steinberg. Desde fai máis de 30 anos, Oguri dedícase ao ensino e á creación de produción de obras de danza e multimedia que incorporan as súas instalacións escultóricas a grande escala en teatros formais e espazos site-specific non convencionais de todo o mundo. Hoxe en día, segue investigando a relación da danza coa contorna e os límites entre intérprete e público.

Desenvolve proxectos en colaboración con músicos, escultores, pintores e poetas, empregando a literatura, imaxes da vida cotiá e materiais sinxelos para transformar o espazo e o tempo coa danza. Ten tamén un papel moi activo no achegamento da danza ao público xeral.

En 2011 forma o ARCANE Collective con Morleigh Steinberg, para realizar xiras de producións completas e espectáculos en vivo. Ten recibido numerosas becas e premios en Estados Unidos, tanto a nivel rexional como nacional e internacional, incluída a bolsa United States Artist Doris Duke Fellow 2018.

Ficha técnica

España e Xapón | 45 min | De balde

Concepto, coreografía e danza: Oguri e Andrés Corchero
Asistente posta en escena: Ana Pérez
Xestión: Andreu Banús, Binomi Projectes Culturals
Produción: Oguri, Andrés Corchero

Estrea en Galicia

Gallaecia Ensemble Barroco presenta Calidoscopio, unha proposta que nos ofrece unha versión sen precedentes da partitura minimalista de Terry Riley, In C (1964). Baixo a dirección da violinista María José Pámpano, o ensemble brinda ao espectador a posibilidade de experimentar a escoita desde o movemento, ao redor dunha peza icónica da historia da música occidental.

Sesenta anos despois dende a súa creación, In C continúa a ser unha experiencia musical única e enriquecedora para os intérpretes así como para o público. A partitura consta de 52 celas musicais que se repiten, enumeradas en orde cronolóxica. Calquera número de intérpretes pode tocar a peza, usando calquera instrumentación desexada, sempre que se movan a través da partitura coma un conxunto. O resultado son patróns rítmicos entrelazados, texturas e harmonía que nunca é igual, sen importar cantas veces a peza sexa interpretada.

Coma se dun calidoscopio sonoro se tratase, In C é unha peza que toma fragmentos e os tece a través da vivacidade, a espontaneidade e o azar, creando un todo que é moito máis que a suma das súas partes. A particular interpretación sobre instrumentos históricos levada a cabo polo Gallaecia Ensemble Barroco, ofrécenos a posibilidade de descubrir novos estímulos sensoriais, sonoros e visuais nunha versión na que o público ten liberdade de movemento para formar parte dese universo creativo tecido nun caos aparente. Un concerto no que a escoita é cuestión de perspectiva.

Gallaecia Ensemble Barroco

Gallaecia Ensemble Barroco é un proxecto musical que procura esvaecer as marxes entre a música antiga e a creación máis contemporánea, combinando as músicas do pasado con aquelas máis actuais nun diálogo no que tamén entran en xogo outras disciplinas artísticas, tales coma a pintura, a poesía ou as artes visuais.

Coas súas interpretacións, baseadas en criterios historicistas e sobre instrumentos antigos, a formación trata de explorar ao límite as súas posibilidades sonoras. Así, dentro do seu repertorio podemos atopar tanto músicas procedentes dos s. XVII e XVIII como novas composicións, mostrándose coma unha formación pioneira en Galicia neste tipo de prácticas sobre instrumentos históricos.

Creado baixo a dirección da violinista galega María José Pámpano, o Gallaecia Ensemble Barroco facía a súa presentación en novembro de 2021 na Cidade da Cultura co espectáculo Oh, Rosas Vivas! Un proxecto multidisciplinar no que un selecto elenco de músicos galegos, xunto aos recoñecidos artistas Laura Iturralde, Yoseba Murazabal e María Lado, rendían homenaxe a algunhas das mellores mulleres compositoras da historia da música occidental.

Cunha clara dirección artística, o grupo ofrece unha visión totalmente renovada do concepto de concerto clásico con proxectos nos que se combina a tradición musical coa creación artística de vangarda. Un universo creativo que aposta polo talento local e emerxente, capaz de romper con estereotipos e clixés na procura de novas audiencias para estas vellas-novas músicas.

Ficha técnica

Galicia | 45 min | 9 €

Ana Pazos: corneto e trompeta natural
Jorge Fuentes: trompa natural
Pablo Dopazo: serpentón
Carmen Ferreiro: traverso
David Garrido: oboe barroco
Paulo Gonçalves: frauta de bico, gaita e zanfona barroca
Marta López: cravo
Fernando Santiago: cello
Saúl Puga: contrabaixo
Rubén Abad: guitarra barroca
Elena Vázquez: violín
María José Pámpano: violín e dirección artística

Deseño lumínico: Denise Freire de Armas
Deseño espazo sonoro: Adrián Blanco JUAIT

Proxecto en estrea

Blondi nace da idea de contar a historia da humanidade doutra maneira.

Blondi era a cadela de Adolf Hitler. Un pastor alemán que el sacrifica antes de cometer suicidio. Non é unha cadela calquera, é a cadela do Führer. Führer é unha palabra alemá que significa “guía”, “dirixente”, “caudillo”  ou “condutor”.

Nun tempo onde o público e o privado se dilúen, nun tempo de redes sociais, un youtuber, novo guía espiritual, social, económico (un novo Führer) busca adeptos e seguidores facendo un titorial sobre unha postura de ioga: o can boca abaixo. Aos poucos o youtuber-guía vaise convertendo en Blondi, a cadela do Führer, sen saber xa se é guía ou seguidor, quen é o seu dono, se en verdade ten dono, se manda ou obedece. Unha cadela, Blondi, cuxo destino é o sacrificio… ou quizais non.

Un canto á liberdade e á beleza que nos cuestiona quen somos no mundo actual, inmersos en crises sanitarias, obedecendo ou desobedecendo normas, suxeitos a cambios, sendo escravos ou manexando máquinas tecnolóxicas e rodeados de novos líderes que nos din como temos que comportarnos, vestirnos, bailar, sen saber se somos líderes ou seguidores, se somos libres ou escravos, ou talvez todo sexa unha fantasía.

David Loira

Creador, bailarín e actor con formación en danza clásica, butoh, contemporánea, danzas urbanas, interpretación, clown, acrobacia, cabaret e comedia da arte. Desde 2002 ten participado como intérprete, productor, director e docente en numerosos proxectos tanto en Galicia como a nivel estatal e internacional e colaborado con compañías como Experimenta Danza, Caramuxo Teatro, Pisando Ovos, Berrobambán e Kirenia Danza, entre outras. Dirixe as pezas Over the Rainbow (2009), Tulipanes (2010), Macho (2010), We need a name: Gil Eanes(2017) e Blondi (2024), proxecto que xermola a raíz dun convite a participar como performer no Festival Queer de Lisboa 2021 e da súa experiencia como guía turístico en Berlín e no Campo de Concentración de Saschenhausen.

Como creador, Loira decide crear “beleza e poder” ante condutas, pensamentos, episodios históricos universais, experiencias colectivas e persoais que teñen a ver co rexeitamento, o odio ao diferente, a xenofobia, o racismo e a homofobia.

Ficha técnica

Galicia | 50 min | 9 €

Dirección e coreografía: David Loira
Interpretación: David Loira
Deseño de iluminación: Octavio Mas
Vídeo, son e audio: Gonzalo Gómez
Asistencia na dirección e na coreografía: Isabel Sánchez

Idioma: galego

Punto de acceso: Xardín Literario da Cidade da Cultura

Estrea absoluta